Se xa investigaches sobre a raza, seguramente che sorprendeu isto: os husky case non ladran. Ao contrario do que moita xente pensa, é unha das razas menos propensas a usar o ladrido tradicional como forma de comunicación. Pero iso non significa que un husky sexa un can silencioso, máis ben todo o contrario.
Por que os husky case non ladran
Os husky foron criados como cans de trineo, traballando en grupo en ambientes de silencio extremo. O ladrido non foi un trazo seleccionado na raza ao longo de xeracións, ao contrario que en razas de garda ou caza. O resultado é un can que, cando quere comunicarse, recorre a outro tipo de sons.
Os sons característicos da raza
- O ouveo: o son máis famoso do husky, usado para comunicarse a distancia, chamar a atención ou responder a sirenas e sons agudos.
- «Falar» ou refungar: unha secuencia de sons articulados, case coma se o can intentase «conversar», moi habitual cando está excitado ou quere algo.
- Choromicar e xemer: úsase para expresar frustración, aburrimento ou desexo de atención.
É un problema nun piso?
Pode selo, dependendo da intensidade e da tolerancia dos veciños, un ouveo forte chega tan lonxe coma un ladrido, ou máis. A boa noticia é que a vocalización excesiva adoita estar relacionada co aburrimento, a soidade ou a falta de exercicio, non é un trazo fixo e inmutable do can.
Como reducir o ruído excesivo
- Garante exercicio físico diario axeitado ao nivel de enerxía da raza, un husky canso vocaliza moito menos.
- Ofrece estimulación mental con xoguetes interactivos, evitando longos períodos de aburrimento en soidade.
- Evita reforzar a vocalización dándolle atención inmediata cada vez que o can «fala», isto ensínalle que o ruído dá resultado.
- Traballa a tolerancia á soidade de forma gradual, comezando con períodos curtos e aumentándoos co tempo.
- Considera música de fondo ou ruído branco para reducir a reactividade a sons externos coma sirenas, que adoitan desencadear ouveos.
Un trazo de personalidade, non un defecto
Para moitos donos, esta forma expresiva de comunicarse forma parte do encanto da raza. Se á túa familia lle gusta esta personalidade faladora, a Pigúiça, a cadeliña husky protagonista dos libros, tamén lle encanta «falar» coas súas amigas no Xardín Máxico, unha forma divertida de que os nenos coñezan este trazo único mesmo antes de ter un husky propio.



